A Fundación Expomar quere levar a cultura pesqueira aos centros educativos da Mariña

A OPP Lugo, con Sergio López como representante, súmase ao Padroado da institución; aspirantes a futuros patróns e maquinistas da Escola Náutico Pesqueira de Ferrol visitan Burela

Visita a Burela de alumnado da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol. AXM

A Fundación Expomar mantivo, nas últimas horas, a primeira xuntanza para preparar as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que se celebrarán o vindeiro mes de maio e no que se abordarán cuestións de interese para o sector pesqueiro.

A fundación expuxo que tentará organizar actividades en colaboración co Galp A Mariña-Ortegal nos centros de ensino de Burela e do resto da comarca. Na axenda de onte tamén se tratou a Feira Produart e a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo entrou a formar parte do padroado da institución. A vindeira xuntanza terá lugar o 2 de marzo.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que “tivemos a primeira reunión da Fundación Expomar para ir planificando o que van ser este ano as actividades que queremos e que nos corresponden facer. Fixemos a reunión do Padroado, que está constituído por unha serie de organismos e institucións, e onte tivemos a oportunidade de aumentar esa sociedade coa OPP de Lugo, que vai estar representada por Sergio López“.

O BREXIT, NO FOCO

Llano manifestou que “este ano corresponde facer a organización das Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial que van ser no mes de maio, temos que fixar a data. Por outro lado, tamén imos traballar os temas que imos tratar, cales son os máis convintes para o sector pesqueiro e aqueles que sexan máis interesantes. Xa estivemos falando onte e o Brexit seguro que estará enriba da mesa”, indicou.

RELEVO XERACIONAL OU MEDIO AMBIENTE, TEMAS A TRATAR

Llano salientou que “como o ano pasado fixemos unha serie de actividades en colaboración co Galp A Mariña-Ortegal, imos intentar volver insistir neste tipo de iniciativas porque pensamos que é moi boa cousa dado que o ano pasado tivera moita repercusión sobre todo nos institutos e colexios de Burela. Agora queremos abrilo tamén á participación dos colexios e institutos da comarca“, salientou.

O obxectivo das actividades será, indica Llano, “promover o relevo xeracional, concienciar e sensibilizar á poboación sobre o coidado do medio ambiente, transmitir a cultura vencellada ao mar na xente máis nova, ou xerar información e coñecemento a través da creación de ferramentas didácticas“.

Reunión da Fundación Expomar. AXM

DEGUSTACIÓN DE PEIXE DA LONXA EN PRODUART

Alfredo Llano relatou que “tamén temos a feira Produart e queremos organizala de tal maneira que se vexan produtos de calidade, ecolóxicos, respectuosos e sostibles. Ademais imos tratar de facer algún acto para promocionar o peixe, sobre todo o que se comercializa en Burela, facer algún tipo de degustación, sempre pensando no turismo gastronómico e na calidade que teñen os nosos produtos pesqueiros”.

“Imos facer a seguinte reunión o 2 de marzo, para xa ir concretando todo o que falamos onte. Penso que hai ganas de colaborar, de facer un bo traballo para que a Fundación Expomar, a través da xerencia nova que está facendo un bo traballo, poidamos axudar ao sector pesqueiro en todo aquel ámbito que sexa positivo para que siga sendo un sector que dure eternamente como medio cultural, e sobre todo económico, de Burela e da Mariña lucense”, concluíu.

A FROTA ACOLLE AOS FUTUROS TRIPULANTES

Por outra banda, unha delegación de alumnos e profesores da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol visitou este xoves o porto de Burela para encontrarse con representantes da frota asociada á OPP Lugo e Armadores de Burela (ABSA). Estas xornadas son froito do convenio formalizado a mediados do ano pasado para a formación dual de próximos titulados en ponte e máquinas.

O grupo estaba formado por tres profesores e 26 alumnos de segundo curso dos ciclos formativos de grao superior en Técnico Superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura e Técnico Superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.

Os alumos están xa no seu último año de formación e finalizarán o curso a finais deste mes de marzo, momento no que comezarán as súas prácticas a bordo. O centro ferrolán abarca unha área xeográfica amplia, desde Fisterra ata Ribadeo, anque tamén recibe alumnos das comarcas de Ribeira ou Barbanza.

COÑECERON UN PALANGREIRO DE FONDO E O BARCO-MUSEO

Os estudantes visitaron dous buques de palangre de fondo ou pincho, que realizan as súas pesquerías de pescada en augas europeas. O grupo de máquinas tamén visitou as instalacións de Frigomar e todos coñeceron por dentro o Barco Museo “Reina del Carmen”, antigo boniteiro e exemplo da frota de madeira dos anos 60.

Durante o ano pasado oito alumnos da  Escola Náutica de Ferrol realizaron os seus embarques na frota de Burela. A través deste convenio agárdase lograr un alto nivel de inserción dos alumnos no sector pesqueiro, para o que se pide colaboración aos armadores para facilitar a vida a bordo e a formación que teñen que recibir os alumnos durante o período de embarque.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here